Como nos vellos tempos, a feira do Carballiño foi hoxe escenario da escenificación dos antigos cantares de cego, a cargo de Luis Correa “O Caruncho”, no papel do cego, e de Chus Iglesias, como lazarillo. Trátase dunha iniciativa da Universidade de Vigo pola chegada a Galicia do Pergamiño Vindel desde o seu fogar na Morgan Library & Museum de Nova Cork.
A dramatización do Cantar de Cego “Romance do Pergamino” forma parte das actividades que desenvolve a Universidade de Vigo para dar a coñecer á cidadanía a presenza deste documento na nosa terra, verdadeiro berce da nosa lingua e a nosa cultura, e para animar a visitar a exposición que se atopa no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, “Un Tesouro en Sete Cantigas”, onde pode visitarse ata o mes de marzo.
O motivo da elección do Carballiño para realizar esta actividade ten a súa orixe nos cantares de cego que tiñan lugar nesta vila antigamente durante as feiras. Así, desenvolveuse nun día de feira e consistiu na interpretación de tres cantigas cun “roller” ilustrado por Luis Davila “O Bichero”, que tivo lugar na Praza Maior.