Comenzaron as obras de acondicionamento e reforma da praza-mirador da Piscifactoría. Este espazo, situado ao final da avenida do Parque, fronte ao Instituto Chamoso Lamas, fora construido hai moitos anos pola primeira escola-taller do Carballiño, e o obxectivo do proxecto é mellorar a accesibilidade así como a seguridade e a propia praza, o mobiliario e a varanda.
O orzamento desta reforma é de 60.000 euros, que foron concedidos pola Dirección Xeral de Turismo mediante unha subvención a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos, cofinanciada co Fondo Social Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia.
O proxecto consiste na habilitación dun sendeiro empedrado con lousas de granito que facilitará o acceso autónomo das persoas con problemas de moblidade. Tamén se restaurará a varanda de madeira existente que rodea a zona do mirador, mellorando a seguridade. A praza central do mirador tamén irá enlousada con granito, e se modificarán os elementos ornamentais de tipo vexertal, setos e arbustos. Trátase dunha ampla reforma que convertirá este espazo natural nun lugar agradable de lecer.
Dase ademáis a circunstancia de que esta praza-mirador atópase no final do sendeiro da Avenida do Parque e zona residencial, que é moi frecuentada por moitas persoas, sobre todo durante o verán, pero tamén no outono e na primavera, xa que é un lugar moi soleado.
A reforma comezou a semana pasada e, precisamente, esta mañá o alcalde, Francisco Fumega, achegouse ata o lugar para observar a marcha do proxecto, que está sendo executado por unha empresa especializada en reformas deste tipo.
A iniciativa do proxecto partiu da alcaldía, por considerar unha prioridade reformar este mirador natural sobre o río Arenteiro, que está enclavado nunha zona de gran relevancia turística, no camiño entre o parque municipal, a parte alta da piscifactoría e o conxunto formado polo parque etnográfico do Arenteiro, a Pena dos Namorados, a fábrica de papel da Labandeira e o camping municipal.
O pasado ano, tamén mediante unha subvención semellante, procedeuse á construcción doutra praza-mirador sobre o sendeiro do río Arenteiro, na rúa Río Avia, a carón do Gran Balneario, co que con este tipo de proxectos estanse poñendo en valor os recursos turísticos do Carballiño.
Por isto, o alcalde transmitiu o agradecemento á directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, pola súa colaboración tanto neste proxecto como noutras iniciativas de promoción turistica do Carballiño.