O Xurado do Premio Antón Losada Diéguez fallará este sábado, 21 de abril, os galardóns nas modalidades de creación literaria e investigación da XXXII edición. A reunión terá lugar ás 11,00 h., no concello do Carballiño, que é o organismo a quen lle corresponde este ano a organización.
O xurado está presidido polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández Nogueira, e o forman como vocais: Manuel González González, pola Real Academia Galega; Pegerto Saavedra Fernández, polo Consello da Cultura Galega; Francisco Fariña Busto, polo Museo do Pobo Galego; Luis González Tosar, pola Deputación de Ourense; Ana Patricia Torres Madureira, polo Concello de Boborás; María do Carme Silva Rodríguez, pola Universidade de Santiago; Xosé Enrique Costas González, pola Universidade de Vigo, e Carlos Paulo Martínez Pereiro, pola Universidade da Coruña. E como secretaria, Julia Rodríguez Fernández.
Na modalidade de creación literaria concorren trinta obras, e na de investigación e ensaio, doce, sendo unha das edicións de maior participación nos últimos anos.
O Premio Antón Losada está promovido polos concellos do Carballiño e Boborás, así como pola Deputación Provincial de Ourense, e entregarase como é tradicional nun acto no Pazo dos Losada en Moldes, o sábado 10 de xuño.