A novela titulada “Aqueles días en que éramos malas”, de Inma López Silva, e a publicación “Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936”, de Xosé Ramón Pena, resultaron gañadoras nas modalidades de creación literaria e investigación e ensaio, respectivamente, no XXXII Premio Antón Losada Diéguez, que se fallou este mediodía no concello do Carballiño.
O xurado valorou moi positivamente a gran calidade das obras a concurso nesta edición (trinta en creación literaria e doce en investigación e ensaio), e tivo que prolongar o debate e realizar varias votacións para dirimir as obras premiadas.
Ao final, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez na modalidade de Investigación e Ensaio, á obra titulada Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, editada por Edicións Xerais de Galicia e cuxo autor é Xosé Ramón Pena. O Xurado destacou “a metodoloxía utilizada, o enfoque novidoso e actual, os contrastes con outras investigacións e á referencia a acontecementos históricos e a culturas que enriquecen este ambicioso proxecto”.
Así mesmo, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez, na modalidade de Creación Literaria, á novela titulada “Aqueles días en que éramos malas”, editada por Galaxia, e cuxa autora é Inma López Silva. O xurado destaca na novela galardoada “a utilización de varias voces femininas que lle van confesando á narradora as súas experiencias e as circunstancias que as levaron ó cárcere”. Salienta tamén o xurado “os diversos rexistros lingüísticos e unha habelencia discursiva que ofrece diferentes posibilidades de lectura, resultando un conxunto de historias vitais ben trabado e con categoría literaria”.
Este premio, que convocan os concellos de Boborás e O Carballiño, así como a Deputación Provincial de Ourense, e que está dotado con 6.000 euros en cada modalidade, será entregado no transcurso dun acto que se celebrará o 10 de xuño en Moldes, no Pazo da familia Losada.
O xurado estivo formado por:
Presidente: don Diego Fernández Nogueira
Vocais:
Pola Real Academia Galega, don Xoán Babarro González
Polo Consello da Cultura Galega, don Pergerto Saavedra Fernández
Polo Museo do Pobo Galego, don Francisco Fariña Busto
Pola Deputación de Ourense, don Luis González Tosar
Polo Concello de Boborás, dona Ana Patricia Torres Madureira
Pola Universidade de Santiago, dona María do Carme Silva Domínguez
Pola Universidade da Coruña, don Carlos Paulo Martínez Pereiro
Houbo unha ausencia xustificada pola Universidade de Vigo, don Xosé Henrique Costas González.
Actuou como secretaria, para dar fe do acto, dona Julia Rodríguez Fernández.
A sesión comezou ás 11,00 h., no salón de plenos do concello do Carballiño, a quen lle correspondeu a organización do premio nesta edición, e rematou ás 13,30 h.