A consellería de Economía, Emprego e Industria ven de aprobar unha resolución pola que se concede ao concello do Carballiño unha subvención de 204.000 euros coa finalidade de poñer en marcha un novo Plan Integral de Emprego. Este plan, que será o segundo que leve a cabo o concello do Carballiño, admitirá un total de 85 participantes, que deberán ser persoas en desemprego e inscritas no Servicio Galego de Colocación e INEM. De feito, a selección dos participantes será realizada por estes organismos.
Con respecto ao plan anterior, dóblase o financiamento da Xunta, ao pasar de 104.000 euros a 204.000 euros, e tamén se incrementa significativamente o número de persoas participantes, pasando de 60 a 85.
A duración do plan será dun ano, durante o cal as persoas seleccionadas recibirán formación teórica e práctica en diversos módulos, entre os que se atopan os de soldadura e atención socio-sanitaria.
O obxectivo é lograr a inserción laboral como mínimo do 45 por cento das persoas admitidas, se ben agárdase que se consiga incrementar esta porcentaxe, tal e como sucedeu co plan anterior.
O Plan Integral de Emprego “Carbaemprega”, que rematou en setembro pasado tras un ano da súa posta en marcha, superou as previsións iniciais de reinserción laboral ao completar a formación e incorporar ao mercado de traballo a 41 persoas, o que supuxo o 70% das persoas inscritas nese plan. O obxectivo marcado ao comezo era de 27 persoas, equivalentes ao 45 por cento do total de inscritos.
O concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, que dirixe o departamento municipal solicitante deste plan, expresa a súa satisfacción por acadar este segundo plan e conseguir máis financiamento e número de participantes, co que se posibilita que máis persoas desempregadas accedan á formación e poidan integrarse no mercado laboral. Por isto, amosa o agradecemento ao director xeral de Orientación Laboral e Emprego, Alfonso Marnotes.