O concello do Carballiño ofrecerá dende o 25 de febreiro ao 5 de marzo, oito días de animación cultural, musical, festiva e gastronómica para celebrar o Entroido 2017 e a XXIII Festa da Cachucha.
Os concelleiros de Cultura e Turismo, Diego Fernández e José Manuel Dacal, respectivamente, presentaron a programación prevista para estes días e que terá como pratos fortes o Martes de Entroido, 28 de febreiro, e o Domingo de Piñata, 5 de marzo.
Precisamente, nestes festivos terán lugar os desfiles de comparsas e folións máis multitudinarios e que se espera susciten o interese dos veciños da vila e da comarca, así como de moitos visitantes de fóra que queiran disfrutar do entroido e da cachucha no Carballiño.
Nesta edición do entroido adquire, ademáis, unha gran relevancia o luns 27 de febreiro, que é día de feira e que contará cun baile de disfraces amenizado por unha das orquestras máis importantes de Portugal, a “Orquestra Funçao Pública”, equiparable ás mellores orquestras de Galicia. E, pola mañá, a partir das 11,00 h., a Charanga Mecánica ofrecerá animación de rúa e miniconcertos nas principias rúas e prazas.
Asemade, o sábado 4 de marzo, terá lugar o cuarto monólogo do ciclo “Carballiño Comedy”, coa actuación do coñecido humorista Alex O´Dogherty.
O programa inclúe obradoiros, desfiles e concursos de disfraces para os máis cativos; Dj, cinco charangas, dúas orquestras, tres desfiles de comparsas e folións, unha ruta das tapas adicada á cachucha, escenificación do mércores de cinza con chocolatada e un monólogo, entre outras actividades e iniciativas.