O Orfeón do Carballiño viaxará esta semana a Zaragoza e Barcelona, para ofrecer dous concertos nos centros galegos de ambas cidades. Concretamente, a coral carballiñesa estará de xira do 12 ao 15 de outubro, coincidindo coa ponte do Pilar.
A visita a Barcelona prodúcese por invitación expresa do presidente do Centro Galego, e a de Zaragoza xestionouse por atoparse de camiño á Cidade Condal e coincidir coa celebración das Festas do Pilar.
No repertorio que ofrecerá o Orfeón no Centro Galego de Barcelona, e que foi consensuado por ambas partes, figuran cancións de todas as épocas e estilos. Así, pódense destacar temas de polifonía, habaneras e galegas, como “Negra sombra” e “Cada noite”, con letra de Rosalía de Castro; ou “Morriña” e “Terra querida”, entre outras. Tamén se acordou animar o final do concerto con dous temas moi populares, como son “A Rianxeira” e “O Voso Galo Comadre”, e como remate a interpretación do Himno Galego. A duración estimada deste concerto será dunha hora e media.
Así mesmo, o concerto que ofrecerá o Orfeón en Zaragoza, terá lugar antes da celebración dun xantar de confraternidade no Centro Galego desta cidade.
Os integrantes da coral carballiñesa aproveitarán a viaxe para realizar diversas visitas de interese turístico, como á Basílica do Pilar en Zaragoza, e a Sagrada Familia, o Parque Güell e Montjuic, entre outros lugares, en Barcelona.
Ao seu regreso voltarán aos ensaios para ampliar o repertorio de cara á próxima tempada 2018.
Con esta xira, o Orfeón pecha un ano repleto de concertos e viaxes, como os que realizou a Valladolid e Vizcaya, ademáis de por toda Galicia.
Por isto, a directiva e integrantes desta coral agradecen aos carballeñes e institucións a colaboración e o apoio recibido.