O II Festival: “Outros países, outras músicas” terá como escenario o templo da Veracruz, e desenvolverase este sábado, 7 de outubro, coa participación de tres agrupacións corais: Coral P. María Auxiliadora de Vigo, Coral Polifónica de Mera (A Coruña) e o Coro de Cámara Música Viva, do Carballiño. O festival comezará ás 20,30 h., e terá unha duración aproximada dunha hora.
O evento foi presentado esta mañá polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o presidente do Coro de Cámara Música Viva, que é quen organiza, Antonio Rey Cornide.
Diego Fernández destacou o intenso programa cultural que se estaba a desenvolver este outono na vila, e que este festival viña a corroborar a calidade e variedade na programación. Asegurou que coa calidade dos grupos seleccionados así como o éxito da primeira edición, consolidábase este evento que ofrece algo diferente aos demáis festivais. Finalmente, agradeceu a entrega e o traballo a prol da cultura que realizan o Coro de Cámara Música Viva, e especialmente o seu presidente.
Antonio Rey recordou que a idea deste festival é ofrecer ao público do Carballiño un repertorio musical do mundo, que non é habitual neste tipo de festivais, e que por iso nesta edición íanse interpretar cancións de países de América e Europa, como Cuba, Estados Unidos, México, Arxentina e Alemaña; de España, como País Vasco e Cataluña, e tamén de Galicia. Trátase, ademáis, dun repertorio moi variado, pois son cancións que van dende o século XV e XVI ata a época contemporánea. E, finalmente, chamou a atención sobre a calidade das corais convidadas.
Tanto o concelleiro como o presidente do Coro Música Viva fixeron un chamamento ás persoas afeccionadas á música para asistir a este festival, que terá como escenario o templo da Veracruz, e que ofrecerá un interesante programa de dezaoito cancións, seis cancións por coral.