Arredor de 300 alumnos e alumnas, así como profesores e profesoras, de oito centros educativos da comarca do Carballiño celebrarán o próximo luns, 24 de abril, o Día Internacional da Árbore, da Auga e da Poesía, que estaba previsto celebrar en marzo pasado pero que se suspendera por causa da chuvia. O acto terá lugar ás 11 da mañá na Insua dos Poetas, na Esgueva, en Madarnás.
A organización deste evento correspóndelle ao Instituto Manuel Chamoso Lamas, que se alterna co IES nº 1 do Carballiño. Os directores de ambos centros, José Manuel Vázquez e Manuel Amil Otero, presentaron conxuntamente a iniciativa.
Oito centros educativos da comarca estarán representados neste acto no que se dará lectura a poemas, se realizarán representacións dramatizadas, se cantarán cancións e se prantarán árbores. O protagonismo será para os alumnos e alumnas dos centros educativos que, ao remate do acto, prantarán oito árbores autóctonas. Cada centro elexiu unha árbore diferente: Boborás, un buxo; Boborás, un salgueiro; Cea, unha sobreira; Chamoso Lamas, un carballo; Irixo, unha cerdeira; Sagrado Corazón, un amieiro; Vila do Arenteiro, un loureiro, e o Ies nº 1, un érbedo.
A este acto tamén asistirán as autoridades municipais e o director xeral de Política Lingüística, así como da Fundación Insua dos Poetas.