Julio Gómez e Lurdes Masid, fundadores da xeadería La Ibense no Carballiño, recibiron este mediodía a homenaxe do concello e da Festa do Pulpo por toda unha vida dedicada a fabricar e servir xeados durante máis de cincuenta anos. O acto desenvolveuse na Praza Maior xunto a un vello carro de xeados La Ibense e coa presencia do alcalde, Francisco Fumega, dos portavoces municipais e concelleiros de todas as formacións políticas, así como de veciños da vila.
Francisco Fumega dixo que nin a Festa do Pulpo nin os veráns no Carballiño poden explicarse sen a presencia de Julio e Lurdes co seu carriño de xeados. Toda unha vida dedicada ao traballo de elaborar xeados e transportar o carro a todas as festas do municipio, subindo e baixando costas, cando ainda non tiñan vehículo para transportar o carro, e despois nun camión que traía aos rapaces ás tantas da madrugada ao remate das festas. Por iso, engadiu Fumega, tanto Julio como Lurdes merecen esta homenaxe en recoñecemento da súa dedicación e de ser un símbolo dos veráns nesta vila turística e sobre todo na Festa do Pulpo, cuxos xeados nunca faltaron aos postres no menú do parque municipal.
Julio Gómez contou que chegou ao Carballiño por vez primeira no ano 1949 e que se estableceu definitivamente na vila en 1955. Agradeceu a homenaxe da corporación municipal actual e ás pasadas, e dixo que cando chegou ao Carballiño era unha pequena vila pero que co tempo foi medrando ata chegar a ser o pobo puxante que é hoxendía. Asemade, lembrou as camiñatas ás festas do municipio e da comarca, como A Saleta, a Madalena, Maside, Leiro e alí onde se celebrasen festas.
O alcalde e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, entregáronlles como agasallo unha placa, un prato de pulpo e un ramo de flores.