Está situada ao termo do paseo da zona residencial e do Parque, nun remanso do río Arenteiro, xa en terreos de Labandeira, nunha estribación do lugar coñecido como illa do Filomeno. O emprazamento foille gañado ao río a base de recheo, comunicando coa outra beira a través dunha ponte. Inaugurouse en 1961 e dependeu do Instituto para a Conservación da Natureza (ICONA) ata que foi transferido á Xunta de Galicia.
Dos criadeiros e estanques desta piscifactoría saen gran parte das troitas que repoboan os ríos das catro provincias galegas.