Un documental e un coloquio sobre Emilia Pardo Bazán e a súa relación coas terras da bocarribeira e do Carballiño porá o remate ao roteiro que organizan este sábado o Centro de Estudios Chamoso Lamas e o concello sobre a autora de El Cisne de Vilamorta.
O punto de encontro e de comezo da andaina é Banga, fronte a antiga escola, ás 4,30 da tarde deste sábado, 27 de maio. A continuación farase unha visita guiada ao Pazo dos Quiroga nos que a escritora pasou tempadas de verán e de vendima, e á igrexa de Santa Baia. Despois baixarase ata Cima de Vila e de alí a Cabanelas, onde se visitará o Pazo dos Quiroga e se rematará na Casa da Bexanca, sede do Centro de Estudios Chamoso Lamas. Alí terá lugar a proxección dun documental producido por TVE, que foi emitido con motivo da programación da serie Los Pazos de Ulloa. Finalmente terá lugar un coloquio. Está previsto que todo o programa finalice arredor das 19,30 ou 20,00 h.
As persoas interesadas en realizar este roteiro non terán que inscribirse previamente, senón que o poden facer acudindo ás 16,30 h., á vella escola de Banga.