Unha placa colocada onte nunha columna da fachada da antiga casa dos Quiroga, na Praza Maior, lembra as estancias de verán e festas patronais que pasou Emilia Pardo Bazán nesta casa e no Carballiño. A placa foi descuberta durante un acto ao que asistiu o alcalde xunto a concelleiros e concelleiras. Francisco Fumega pronunciou un breve discurso:
“Emilia Pardo Bazán pasou algunas Festas do Setembro nesta vella casa dos Quiroga. De feito, na novela El Cisne de Vilamorta fai unha descripción detallada destas festas.
Este é o motivo polo que hoxe, que comezamos as nosas festas patronais, colocamos esta placa de homenaxe na fachada desta casa.
Hai tempo que no Carballiño lle temos dedicado unha plaza á escritora, pero non había ningunha referencia nesta casa. Así que a partir de hoxe, sobre todo os visitantes pero tamén moitos carballiñeses, saberán que a finais do século XIX polo mes de setembro, doña Emilia asomábase a este balcón para ollar o decorrer da feira do 16, as sesións de pirotecnia e o paso incesante de veciños, feirantes, cabalerías e gando.
A vida naquel tempo arredor dos pazos dos Quiroga de Banga, de Cabanelas e desta casa do Carballiño foi motivo de argumento e inspiración nalgunhas novelas da Pardo Bazán, e non só de El cisne de Vilamorta, senón tamén de La madre naturaleza e outras, como Los Pazos de Ulloa.
Polo tanto, esta placa é un recoñecemento á súa creación literaria e un xeito de reivindicar a súa ligazón con estas terras e esta vila, que non só non está morta senón que se converteu nunha das vilas máis puxantes desta provincia e do interior de Galicia.
Tamén quero sinalar que esta placa é a primeira dunha serie que imos colocar noutras rúas, para explicar quen foron os persoeiros aos que se lle dedicaron estas rúas.
É un xeito de homenaxe e recoñecemento a todos os persoeiros que tiveron trascendencia na nosa vila, pero que moitos veciños non saben realmente quen foron.
Nós estamos orgullosos da nosa historia e queremos que todos os veciños a coñezan”.