O grupo de goberno municipal mantivo hoxe dúas reunións con representantes do sector do comercio e da hostalería co obxectivo de perfilar as axudas e a folla de roteiro a seguir para colaborar na reactivación da economía local. Así mesmo, está previsto que se reúna mañá con representantes do sector empresarial do polígono industrial e do parque empresarial carballiñés.
A estas reunións asistiron o alcalde, Francisco Fumega; o tenente alcalde e concelleiro de Turismo e Promoción do Emprego, Manuel Dacal; a concelleira de Comercio, Silvia Varanda, e a concelleira de Medio Rural e Servizos Públicos, Rosa Fuentes.
Nas reunións, encamiñadas a manter unha estreita colaboración entre o tecido económico do Carballiño e o Concello, adoptáronse diversos acordos, entre eles, a posta ao dispor dos comerciantes, hostaleiros e empresarios dun número de teléfono e un correo electrónico para informar de todos os pormenores e consultas relativas ás aperturas e normativa tras o descofinamiento graduado polo covid-19.
Este número de teléfono e correo electrónico estarán atendidos polo departamento municipal de Orientación Laboral, con dúas orientadoras laborais para a súa xestión.
Ao mesmo tempo, acordouse establecer os criterios para elaborar as bases das axudas municipais que se establezan para estes sectores, así como as necesidades máis apremiantes que teñen para a apertura e cumprimento da normativa, como poden ser equipos de protección, xeles, máscaras, desinfección, etc, entre outras necesidades.
Para poñer en marcha este plan de choque de reactivación do tecido económico e empresarial local, o concello conta tamén coa colaboración desinteresada das empresas locais de márketing e promoción económica, Infoxiro e Intrend.
Á reunión do sector hostaleiro acudiron representantes de todas as modalidades do sector, como cafeterías, restaurantes, hoteis e pubs.
E á reunión do sector do comercio, que se celebrou a continuación, acudiron representantes do Centro Comercial Aberto, así como do comercio non adscrito a esta asociación.
A reunión cos representantes do sector industrial do polígono e do parque empresarial celebrarase mañá pola mañá.