O IES Chamoso Lamas organiza unha proxección na Insua dos poetas coa colaboración de Inforsonic, Cine Club Carballiño e o Concello do Carballiño na que se proxectarán dous dos traballos audiovisuais realizados recentemente polos alumnos e profesores do centro. Despois da súa estrea na Veracruz, poderemos ver outro pase do documental O andar da pedra (25 minutos) que foi realizada entre os anos 2017 e 2020. Previamente proxectarase Sons no camiño, curta de 14 minutos sobre os pobos semiabandonados do Val do Varón e o Camiño dos Arrieiros, película que obtivo diferentes premios en certames e foi proxectada en diferentes países. A súa estrea fora no Auditorio Manuel María xa fai catro anos, e dende aquela non se volveu pasar en pantalla grande no Carballiño.
Os dous pases serán o día 11 de agosto, martes, ás 22:30 horas na Insua dos poetas grazas á colaboración con Luís González Tosar. Dase a circunstancia que se vén de presentar un libro na Insua que recolle as andanzas de varios membros da xeración Nós que realizaron o percorrido dende Ourense a Compostela e que pasaron precisamente pola Insua no seu camiño.
A entrada é de balde e libre ata completar aforo. Gardaranse as correspondentes medidas de seguridade, polo que será necesario o emprego de mascarilla e manter a distancia social necesaria.