Co gallo da celebración das Letras Galegas que, por mor do coronavirus, a Real Academia Galega trasladou para este mes de outubro, o concello do Carballiño, a través do Servizo de Normalización Lingüística, da concellería de Educación, está a desenvolver nos centros educativos todas as actividades programadas para o mes de maio.
Trátase de actividades que xa estaban contratadas pero que se agardou a estas datas para poñelas en marcha. Refírense ao reparto de exemplares dunha obra de teatro de Ricardo Carballo Calero, tres obradoiros e a edición dun marcapáxinas conmemorativo da efeméride.
Así, o 1 de outubro, levouse a cabo o reparto de 200 exemplares da obra de teatro 4 pezas (A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre e Auto do prisioneiro) de Don Ricardo Carballo Calero) para que o alumnado traballe nos centros a figura do autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2020.
Este xoves, 22 de outubro, desenvolverase un obradoiro no CEIP Calvo Sotelo para o alumnado de 5º de E Primaria: Xoguetoloxía sen nada nas mans: xogos bailados, xogos lingüísticos, xogos musicais… Unha sesión na que compartiremos unha serie de enredos e dinámicas que amosan unha parte do rico patrimonio lúdico galego, aquel que se crea e se recrea no cotiá, na participación grupal e social, na oralidade e na sinxeleza e humildade para o desenvolvemento e a expresión lúdica das persoas, sen nada nas mans e nos petos.
O luns, 26 de outubro, terá lugar o obradoiro Ernestina Otero, semente de igualdade, semente de liberdade. Este obradoiro creativo mestura a arte de contar contos coa arte de ilustralos e pintalos. Está dirixido a alumnado de 5 anos do CEIP Calvo Sotelo.
O martes, 27 de outubro, haberá outro obradoiro de taboleiros medievais no CPR Vila do Arenteiro para alumnado de 3º da ESO de 9,20 h a 11.00 h, no que descubriremos como se entretiñan e a que xogaban os/as nenos/as (e non tanto) na Idade Media, e como esa pegada quedou plasmada no legado artístico da comarca.
Finalmente, repartiranse 3.000 marcapáxinas entre escolares e veciños, que se poderán recoller no Servizo de Normalización Lingüística do concello.