Neste nefasto ano cando, aparte do drama humano que estamos a vivir, a Cultura parece estar nos peores momentos que a nosa memoria pode lembrar, dende o Centro de Estudos Chamoso Lamas queremos facer espertar, aínda que so sexa un chisco, deste letargo pandémico no que estamos envolvidos. A nosa contribución non é moi grande pero si importante: por vez primeira os habitantes destas terras poderán achegarse a diversas publicacións periódicas desenvolvidas ó longo da historia, arrincando dende o século XIX. Por iso, dende agora e ata que remate o ano, imos colgar na nosa páxina web centroestudioschamosolamas.com, na sección Novas, e cada semana, un exemplar escaneado en formato PDF de parte dese noso legado histórico en papel que o noso colectivo ten recompilado nestes últimos anos e que abrangue cabeceiras xornalísticas tan emblemáticas como A Voz das Parroquias, Orcellón, O Brado, La Voz del Pueblo, Ambiente, Boletín de Información municipal, Ecos del Arenteiro, e outras relacionadas con esta Comarca.
Foi un longo traballo no que temos que agradecer a impagable colaboración de moitos dos nosos conveciños que coa súa xenerosidade aportaron números destes medios impresos e, de paso, agradecer tamén a impecable xestión da dixitalización levada a cabo por Beatriz González. O resultado: como xa indicamos, un legado histórico importante para estas terras e un pequeno gran de area para axudar a pasar estas duras horas deste inesquecible 2020.