Un saúdo do alcalde Francisco José Fumega Piñeiro
Benvid@s a esta praza pública virtual do Concello do Carballiño. Un espazo que renovamos e actualizamos para dar un mellor e máis amplo servizo aos cidadáns e para contar cunha nova ferramenta onde coñecer a realidade da vila, da propia administración municipal, facer tramitacións e aportar achegas e propostas para traballar xuntos por un obxectivo común, como é o de facer un pobo mellor entre todos. É unha tarefa colectiva na que todos somos importantes.
O Carballiño é unha realidade en constante movemento e progresión e aquí amosamos ese dinamismo que caracteriza á vila no seu conxunto. A vizosa actividade cultural, o importante sector comercial, unha industria punteira, o termalismo que nos ten convertido historicamente nunha das vilas balnearias de maior tradición en Galicia, as nosas festas, a vitalidade das nosas parroquias, o atractivo como espazo turístico de interior, as paisaxes e moitos outros aspectos aparecen aquí recollidos. Unha páxina que está chamada a dar resposta ás inquedanzas dos cidadáns e a aportar a nosa realidade e sinais de identidade aos que se achegan a nós a través da mesma dende fóra do Carballiño ou aos veciños que están lonxe da súa vila e que terán nesta praza pública toda a información do que está a acontecer no seu concello. A renovación da páxina web do Concello do Carballiño é unha aposta pola accesibilidade, a transparencia e o traballo cidadán e colectivo onde se pon en valor o que somos e están a disposición as ferramentas necesarias para que se aporten todas as consultas, propostas e iniciativas para conseguir o obxectivo de, entre todos, lograr o mellor para a vila e para os carballiñeses. Dende este punto de encontro que está chamado a ser lugar de referencia para os veciños, de dentro e de fóra da vila, e para os que nos visitan convídovos a camiñar por esta páxina web para coñecer, ou recoñecer e redescubrir, esa fermosa realidade que se chama O Carballiño.