Abril comeza a programación cultural cunha obra de teatro infantil e familiar a partir dos 4
anos: “A NENA QUE VIVÍA NUNHA CAIXA DE MISTOS”, de CARAMUXO S.C.
Será o próximo
domingo, 7 ás 18.00 h no Auditorio Municipal Manuel María. Tén unha duración de 40 minutos e o custo da entrada é de 3.50€. O espectáculo forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
SINOPSE
A nena que vivía nunha caixa de mistos” é a terceira parte da triloxía sobre os contos populares, que comezou con “As fabas máxicas”, continuou con “Feo” (Premio María Casares a
mellor espectáculo infantil) e rematará con este espectáculo. A nova proposta de Caramuxo
teatro está inspirada no conto “A vendedora de mistos” de Hans Chistian Ándersen. Un espectáculo cunha coidada posta en escena e cunha linguaxe contemporánea, utilizando como
temática a pobreza infantil. Unha nena camiña pola rúa dun lugar a outro cunha gran caixa de mistos, a casa onde pasa a noite. Pola mañá sae pola vila para vender mistos a quen os necesite, no día a día coñece un ganso e unha gata que mudarán a súa vida para sempre.
Ficha artística
• Autor: Laura Sarasola e Juan Rodríguez.
• Dirección: Juan Rodríguez
• Adaptación: Juan Rodríguez e Laura Sarasola
• Escenografía: Caramuxo teatro e Juan Ares
• Deseño son: Alma Sarasola e Fernando Román
• Deseño iluminación: Suso Jalda
• Vestiario: Diego Valeiras
• Música: Alma Sarasola e Fernando Román
• Coreografía: Laura Sarasola
• Elenco artístico:
Laura Sarasola , Juan Rodríguez (manipulación monicreques) e Fernando Román (música en
directo)
Traxectoria da compañía.
Caramuxo Teatro é unha compañía de Teatro Infantil e familiar nada na Coruña no 2003
formada por Juan Rodríguez e Laura Sarasola. No 2005 estrean Glub, Glub, o que foi no seu
momento o primeiro espectáculo de teatro para bebés producido en Galicia. Actualmente,
ademais de traballar nunha liña específica para bebés,co espectáculo “Zapatos” e “Na casa”
(recomendados pola Red Nacional de Teatros) ten en carteleira espectáculos para o público infantil e familiar. Dende os inicios mesturan diferentes técnicas, teatro de actor, monicreques,
danza… producindo espectáculos como “Mensaxe sen botella” , “Lazarillo”, “Animaliños”, “Os
Bolechas”, “Zapatos” e “Feo!” (Premio María Casares), entre outros. A liña de traballo céntrase
nuns textos elaborados a partir da nosa experiencia no eido educativo, unha estética coidada e unha escolla musical axeitada de modo que o resultado sexa un traballo poético emotivo e visual para desfrutar en familia.